Ante os feitos acontecidos na Coruña o 21 de outubro, dende o Grupo de Estudos Territoriais (GET) e o Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da Universidade da Coruña, expresamos o noso apoio ao alumnado que exerce a súa liberdade de expresión e o seu dereito a manifestarse pacificamente.
Como grupos de investigación dunha universidade pública, temos a responsabilidade de defender estes dereitos e de acompañar o compromiso do estudantado coa sociedade da que forma parte. Na universidade promovemos o pensamento crítico, a participación e a responsabilidade social. Debemos recoñecer estes mesmos valores cando se expresan fóra das aulas, na protesta e na vontade de intervir na vida pública.
Rexeitamos que os incidentes violentos se utilicen para criminalizar ao conxunto da mobilización ou desacreditar a mocidade que participou nela. O relato público do sucedido debe incorporar tamén as voces do estudantado, os seus argumentos e as razóns que o levaron a saír á rúa.
A mocidade merece ser recoñecida como parte activa da vida democrática, con capacidade para pensar, discrepar e actuar. Como integrantes dunha universidade pública, asumimos o compromiso de escoitala e de defender o seu dereito a expresarse e a manifestarse sen sufrir violencia.
Grupo de Estudos Territoriais (GET)
Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI)
Universidade da Coruña
A Coruña, 22 de outubro de 2026


