Terraverso bota a andar: literatura, ciencia e comunidade no rural galego

O Grupo de Estudos Territoriais participa en Terraverso, un novo proxecto de cultura científica da Universidade da Coruña que busca converter as casas-museo de escritores e escritoras do rural galego en espazos de encontro, investigación e creación compartida coa veciñanza.

O proxecto, financiado pola FECYT e desenvolvido en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE), parte dunha idea central: entender o patrimonio literario non como algo estático, senón como un recurso vivo, capaz de activar novos vínculos entre cultura, territorio e comunidade.

Entre 2026 e 2028, Terraverso combinará investigación sociolóxica, procesos de cocreación artística, ferramentas dixitais e actividades de divulgación. A primeira etapa, que se desenvolverá entre 2026 e 2027, estará centrada nun diagnóstico participativo para coñecer como se percibe e se vive o patrimonio literario nos territorios vinculados ás casas-museo. Posteriormente desenvolveranse obradoiros de cocreación entre artistas, persoal investigador e comunidades locais, así como unha plataforma dixital aberta con mapas, recursos, podcasts e outros contidos.

O obxectivo final é construír unha metodoloxía transferible que permita conectar patrimonio literario, ciencia aberta e participación comunitaria, facendo das casas-museo auténticos laboratorios de arte, ciencia e comunidade. O proxecto prestará tamén unha atención especial á mocidade rural e á creación de novos espazos de participación arredor da ciencia e da literatura.

Terraverso está liderado por un equipo interdisciplinar da Universidade da Coruña no que participan varias persoas integrantes do GET, entre elas María Andrade Suárez, Iria Caamaño Franco, Manuel García Docampo, Estefanía López Salas e Noel Castro Fernández, xunto con persoal investigador doutras áreas da UDC.

O proxecto desenvolverase entre o 1 de xullo de 2026 e o 30 de xuño de 2028.

Scroll al inicio