O Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña participa no desenvolvemento de ArCaDia 7 – Habitar na Encruzilhada, Congreso de Arquitectura e Cooperación para o (Des)envolvemento que se celebrará na Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa entre os días 24 e 28 de novembro de 2026. O noso compañeiro Plácido Lizancos, membro do GET e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, forma parte do Comité Científico do encontro.
ArCaDia 7 propón un espazo de diálogo entre a academia, os movementos sociais, os colectivos profesionais, as administracións públicas e as comunidades arredor dos retos contemporáneos do hábitat. Entre as cuestións que articulan o encontro atópanse as formas de habitar, o dereito á vivenda e á cidade, as desigualdades territoriais, os conflitos polo espazo e as respostas construídas desde diferentes contextos, cunha atención particular ao Sur Global.
No marco do congreso celebrarase tamén a exposición “Práticas na Encruzilhada – produção social do habitat, ação coletiva, arquitetura e urbanismo”, destinada a dar visibilidade a experiencias, proxectos e procesos colaborativos desenvolvidos por colectivos, asociacións, movementos sociais, grupos de investigación-acción, institucións públicas e outras iniciativas vinculadas á transformación socioterritorial. A exposición poderá visitarse na FAUL entre o 24 de novembro de 2026 e o 30 de xaneiro de 2027.
O prazo para a presentación de propostas á exposición permanecerá aberto ata o 10 de setembro de 2026.
Máis información e envío de propostas: ArCaDia 7 – Exposición



