Maricarmen Tapia coordina na ETSAC unha iniciativa docente vinculada á Axenda Urbana Española

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC) incorporou a metodoloxía da Axenda Urbana Española á formación do seu alumnado a través dunha iniciativa coordinada por Maricarmen Tapia, profesora da ETSAC e integrante do Grupo de Estudos Territoriais (GET).

A experiencia desenvolveuse no marco da materia Actuacións Urbanísticas Contemporáneas, na que o alumnado elaborou propostas urbanísticas centradas no ámbito do Campus de Elviña-Zapateira da Universidade da Coruña. Os primeiros traballos resultantes desta actividade xa poden consultarse na páxina oficial da Axenda Urbana Española.

A partir da análise dun ámbito universitario de arredor de 49 hectáreas, o estudantado identificou os principais retos e oportunidades do campus e formulou propostas de intervención aplicando os obxectivos e principios da Axenda Urbana Española. Os proxectos abordan cuestións relacionadas coa mobilidade, a sustentabilidade, a conectividade, os espazos públicos e a calidade ambiental do contorno universitario.

A iniciativa foi desenvolvida en colaboración coa Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña e constitúe un exemplo da conexión entre docencia, investigación e xestión territorial. Ao mesmo tempo, favorece a transferencia de coñecemento desde as aulas cara á análise e mellora dos espazos da propia universidade.

Este traballo permite achegar ao alumnado metodoloxías contemporáneas de planificación urbana e aplicar os coñecementos adquiridos a un caso real e próximo. Ademais, reforza o papel da universidade como laboratorio para pensar novos modelos de intervención territorial máis sostibles, inclusivos e adaptados aos desafíos actuais.

Desde o Grupo de Estudos Territoriais celebramos esta iniciativa coordinada por Maricarmen Tapia e a súa contribución á formación en urbanismo, sustentabilidade e planificación territorial.

Máis información e acceso aos traballos publicados aquí.

Scroll al inicio