A revista Crítica Urbana acaba de publicar o seu número 40, titulado “Extractivismos”, coordinado por Maricarmen Tapia, directora da revista e colaboradora habitual do Grupo de Estudos Territoriais (GET). Este novo volume aborda os impactos sociais, ambientais e territoriais asociados ás distintas formas de extractivismo que caracterizan o capitalismo contemporáneo, desde a minería e a explotación de recursos naturais ata os novos procesos vinculados á transición enerxética e á economía dixital.
O número reúne achegas de investigadoras e investigadores de diferentes contextos internacionais, reflexionando sobre cuestións como a expansión mineira, os créditos de carbono, os centros de datos, a implantación de infraestruturas enerxéticas ou as resistencias comunitarias fronte aos procesos de espolio territorial.
Entre os contidos destaca a presenza de varias persoas vinculadas ao GET. É o caso do artigo “La paradoja del viento en Galicia”, asinado por Uxía López Mejuto, María Andrade Suárez, Manuel García Docampo e José Antonio Cortés Vázquez, que analiza as tensións territoriais asociadas ao desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia. O volume inclúe tamén outras contribucións centradas nas relacións entre territorio, transición ecolóxica, recursos naturais e xustiza ambiental.
O número completo pode consultarse gratuitamente na web da revista: Crítica Urbana nº 40: Extractivismos



