O profesor Plácido Lizancos, membro do Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña, participou recentemente no programa Onda Ciencia de CUAC FM, dedicado nesta ocasión á análise da actual crise da vivenda.
Ao longo do programa abordáronse cuestións como a evolución dos modelos urbanísticos, a relación entre planificación pública e promoción privada, o acceso á vivenda para diferentes grupos sociais, o problema das vivendas baleiras ou as posibilidades que ofrecen fórmulas alternativas como o cooperativismo residencial e o cohousing. A conversa permitiu tamén reflexionar sobre o papel das administracións públicas e sobre as medidas necesarias para garantir o dereito á vivenda nun contexto marcado polo aumento dos prezos e polas dificultades de acceso para amplos sectores da poboación.
Xunto a Plácido Lizancos participaron Natalia Álvarez Lata, catedrática da Facultade de Dereito da UDC e especialista en dereito privado e consumo, e Nieves Rodríguez Brisaboa, catedrática emérita da Facultade de Informática e presidenta da asociación LarLilás, que compartiron as súas perspectivas sobre os aspectos xurídicos, sociais e organizativos vinculados ao problema da vivenda.
A participación neste espazo radiofónico constitúe unha nova oportunidade para trasladar o coñecemento xerado desde a universidade ao debate público e contribuír á reflexión colectiva sobre un dos principais desafíos sociais da actualidade.
Máis información sobre o programa en: https://cuacfm.org/radioco/programmes/onda-ciencia/



