Os próximos 25 e 26 de xuño, a Casa da Cultura de Cee acollerá a décima edición do curso de verán da Universidade da Coruña “Horizonte Azul: Turismo Mariñeiro, Patrimonio Marítimo e Innovación Social”, unha iniciativa que busca reflexionar sobre o papel do patrimonio marítimo e das comunidades costeiras como motores de desenvolvemento sostible e innovación territorial.
O programa abordará cuestións como a valorización do patrimonio marítimo, a cooperación entre administracións e empresas, a innovación social vinculada ao mar, a gobernanza territorial ou o papel das comunidades locais e das confrarías na conservación e dinamización dos recursos costeiros.
O Grupo de Estudos Territoriais (GET) contará cunha destacada participación a través de varias investigadoras e investigadores vinculados ao grupo. A profesora Iria Caamaño Franco, directora do curso de verán, participará como moderadora en varias das mesas redondas. A nosa estudante de doutoramento Silvina López Lema impartirá a conferencia “Comunidades que sosteñen o mar: innovación social no turismo mariñeiro”, centrada nas iniciativas comunitarias que contribúen á sustentabilidade social e económica dos territorios costeiros. Ademais, Begoña Muíño Sar, tamén doutoranda e contratada predoctoral no departamento de Socioloxía da UDC, moderará a mesa redonda dedicada á gobernanza e á innovación territorial, na que participarán representantes dos GALP Costa da Morte e Costa Sostible, ademais de ser secretaria do programa. O programa incluirá tamén a intervención doutros investigadores e investigadoras destacadas no estudio do turismo mariñeiro e a valorización do patrimonio costeiro. Contará con integrantes do proxecto SEALABHAUS.
Esta actividade constitúe un espazo de encontro entre universidade, administracións, profesionais do sector e comunidade local para debater sobre os retos e oportunidades do turismo mariñeiro nun contexto de transición cara a modelos máis sostibles, participativos e vinculados ás identidades costeiras.
O curso forma parte da programación dos Cursos de Verán da Universidade da Coruña e mantén aberto o prazo de inscrición ata o 23 de xuño.



