O 26 de marzo de 2026, Noia acolleu unha nova sesión de Territorios (trans)feridos, o III Ciclo de Conversas Abertas do Grupo de Estudos Territoriais. Nesta ocasión, o encontro xirou arredor de “O mar como espazo común: territorio, identidade e sustentabilidade”.
A sesión, coordinada pola investigadora do GET Iria Caamaño, reuniu persoas procedentes da investigación, do sector pesqueiro, do asociacionismo e de iniciativas vinculadas ao patrimonio marítimo para reflexionar colectivamente sobre as relacións entre o mar, as comunidades locais e o territorio.
Participaron Adelo Freire, secretario da Confraría de Noia; Félix González Tuñez, da Asociación Mar de Noia; Manuela Oviedo, do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP); José Cortés, Begoña Muiño e Iria Caamaño, integrantes do GET; Pedro Arufe, presidente do Balandro Joaquín Vieta; e Ramón Collazo, de Estaleiros Catoira.
O encontro permitiu poñer en común diferentes experiencias e perspectivas arredor da xestión dos recursos mariños, a identidade vinculada ao mar, a sustentabilidade e o papel das comunidades na construción e transformación dos territorios costeiros.
Territorios (trans)feridos forma parte das actividades de transferencia e divulgación científica do GET e procura abrir espazos de diálogo entre a universidade e os distintos actores que producen coñecemento e experiencia sobre o territorio.








