Entre o 18 e o 20 de xullo de 2025 celebrouse en Budapest a sétima edición da International Conference on Social Sciences, Humanities and Arts (ICSHA), que reuniu participantes de todo o mundo para compartir ideas, debater e crear novas conexións no ámbito das ciencias sociais e humanas.
O investigador Alberto Rodríguez-Barcón, da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Estudos Territoriais, presentou a comunicación titulada Urban Art, Identity, and Contested Cities: The Case of the Xerión Mosaics in A Coruña.
Na súa intervención analizou a aparición, desde 2021, dunha serie de mosaicos anónimos que representan a Xerión, figura mítica vinculada á lenda fundacional da Torre de Hércules. A comunicación puxo o foco nas tensións entre as prácticas artísticas de base cidadá e a resposta institucional: malia o apoio social ao proxecto, o Concello coruñés retirou varias das pezas, o que revela friccións arredor da xestión da paisaxe simbólica da cidade. A través dun enfoque interdisciplinar e dunha análise cartográfica das localizacións, motivos e episodios de eliminación dos mosaicos, o estudo explorou como a arte urbana pode contribuír á reconfiguración simbólica do espazo público, desafiando narrativas oficiais e formulando novas preguntas sobre o dereito á cidade.
O traballo situou o caso coruñés nun marco teórico interdisciplinar sobre arte, identidade e cidade, mostrando como iniciativas cidadás poden contribuír á reconfiguración simbólica do espazo urbano e cuestionar as narrativas oficiais.



