Este verán de 2025, a Galiza arde outra vez. Máis de 60.000 hectáreas arrasadas por incendios forestais de grande intensidade e extensión. As lapas atinxiron montes centenarios, aldeas vivas, vales produtivos, fábricas e viñedos. Arderon espazos protexidos, bosques xestionados con coidado, fragas autóctonas e piñeirais ben ordenados. Arde o coidado e o desleixo. Arde a diversidade e o monocultivo. Arde a montaña e o val. Arde, en definitiva, o territorio galego en toda a súa complexidade.
Desde o Grupo de Estudos Territorriais da Universidade da Coruña (GET-UDC), queremos expresar a nosa profunda preocupación perante esta vaga de incendios que non é, en ningún caso, unha suma de feitos isolados. Reiteramos a nosa disposición para colaborar na construción dun modelo territorial máis xusto, sustentábel e resiliente. Porque sabemos que non chega con denunciar: hai que propor, acompañar e transformar.
O que está en crise é o modelo no seu conxunto. Un modelo onde a ordenación do territorio é fragmentaria ou inexistente, onde a política forestal está sometida a lóxicas industriais, onde o rural é funcionalizado ou desprezado e onde a terra, cando arde, pode trocar de uso, de dono ou de función. E isto sucede nun contexto global de emerxencia climática, que agrava a frecuencia, intensidade e extensión dos lumes e se alimenta pola falla de planificación, a desconexión entre políticas públicas e vida real, o abandono estrutural do medio rural e a ausencia dunha cultura partillada do coidado da terra.
Perante isto, consideramos urxente unha política territorial e forestal verdadeiramente sustentábel, baseada nos seguintes principios:
- Unha ordenación territorial con visión de longo prazo, que combata o abandono do rural e promova o reequilibrio entre zonas urbanas e rurais.
- A diversificación do monte, non entendida como unha receita única senón como parte dun mosaico adaptado a cada realidade local.
- O envolvemento activo das comunidades locais, recoñecendo o seu papel chave na xestión do territorio e na prevención de incendios.
- A coordinación real e efectiva entre administracións, co respaldo técnico e científico necesario para aplicar políticas públicas baseadas en evidencias.
- A educación e concienciación social, para fomentar unha cultura do territorio e do coidado ambiental.
Non podemos permitir que se estenda o desánimo social ou a frustración. É hora de fortalecer a confianza cidadá na capacidade colectiva de actuar. Non queremos resignación, senón reflexión e acción. A nosa proposta é dupla: por unha parte, expresar a nosa preocupación e a nosa dor colectiva e, por outra, reforzar a necesidade de reflexión e investigación sobre o fenómeno.
Desde a universidade temos a responsabilidade de pensar con rigor, investigar con compromiso e propor con esperanza. Por iso, apostamos por medidas concretas e viábeis, entre elas:
- Formar a veciñanza na prevención e detección temperá de lumes.
- Crear, e recoñecer e dignificar o traballo, das brigadas de bombeiros voluntarios, con cursos de formación periódica.
- Incrementar os medios públicos, evitando a precarización e a privatización de servizos chave.
- Mellorar a planificación e xestión do monte, e ampliación de zonas de cortalumes ecolóxicos.
- Envolver a cidadanía, como fórmula de corresponsabilidade, vixilancia e coidado.
Unha cidadanía formada, consciente e activa é tamén disuasoria fronte ás neglixencias e outras actitudes moito peores. Sabemos que a maioría dos incendios teñen orixe humana. E si, hai que aplicar a lei a quen pon lume ao monte, mais non abonda con apontar incendiarios solitarios cando o sistema enteiro favorece a inflamabilidade:
- Cando son recortados os medios de prevención.
- Cando é normalizada a precariedade das equipas que loitan contra o lume.
- Cando as políticas públicas consenten ou promoven a expansión de monocultivos sen planificación, sen cortalumes nin medidas de xestión sustentábel, ou cando son priorizados modelos forestais intensivos asentes en lóxicas industrialistas que non atenden a integración ecolóxica nin territorial.
- Cando é ignorada a voz das comunidades.
- Cando é neglixenciada ou directamente negada a realidade da emerxencia climática.
Aí tamén hai responsabilidade. E tamén hai lume. Sen gobernanza real, sen visión de conxunto, a responsabilidade individual —ou comunal— fica desbordada. E o silencio político, neste contexto, é preocupante.
Queremos agradecer, con toda a forza, o traballo dos servizos de extinción, brigadas, bombeiros, voluntariado e veciñanza organizada. A súa dignidade mantén a esperanza viva cando o sistema falla. E acompañamos con afecto e compromiso as comunidades afectadas, que perderon bens, natureza, identidade. A súa dor é tamén a nosa. A súa loita, tamén é a nosa loita.
Desde o GET, desde o noso traballo na universidade, disponibilizámonos e comprometémonos a pór o coñecemento, a análise e a palabra ao servizo dun país que quere vivir, non apenas resistir. Defendermos a terra con argumentos, sensibilidade e acción compartillada é unha responsabilidade que non pode ser adiada. Porque a Galiza merece un presente e un futuro diferentes, é urxente colocarmos no foco o coidado da terra, das raíces e da vida. Unha vida sen cinzas.
Grupo de Estudos Territoriais
Universidade da Coruña
21 de agosto de 2025
O Grupo Galabra da USC apoia e subscreve este comunicado do GET.

