As nosas compañeiras Estefanía López Salas e Amanda Bouzada Novoa participaron no V Congreso Internacional Cultura y Ciudad, celebrado en Granada do 16 ao 18 de xuño de 2025, organizado pola Universidade de Granada e o proxecto de investigación estatal Comida y Ciudad (FoodCity).
As súas contribucións forman parte do libro colectivo Comida y arquitectura: casa, calle, territorio (Editorial Universidad de Granada, 2025), que recolle as achegas presentadas no encontro arredor das interseccións entre alimentación, arquitectura e cidade.
A primeira, asinada por ambas, titúlase “¡El amor era una piedra!”: el paisaje como forma de intimidad en un territorio agroalimentario en crisis (pp. 849-860, vol. 2) e afonda na relación entre emocións e paisaxe agroalimentario a partir do caso das Grandes Llanuras marcadas polo Dust Bowl. O traballo propón un achegamento literario desde as xeografías emocionais para explorar como as crises territoriais inciden na construción e degradación dos paisaxes, e como as emocións –incluíndo malestar, incomodidade ou aburrimento– forman parte esencial desa relación.
A segunda achega, asinada por Estefanía López Salas, leva por título Comida monástica, espacio arquitectónico y territorio productivo: la relación comer-habitar-diseñar en San Julián de Samos (pp. 645-654, vol. 2). Nesta investigación examínase como as normas beneditinas en torno á alimentación influíron na configuración do espazo monástico e do seu contorno produtivo. As prácticas cotiás vinculadas á comida –desde os lavados previos de pés e mans ata o silencio colectivo ou a lectura durante as comidas– convertéronse en actos ritualizados que marcaron tanto a organización das dependencias monásticas como o desenvolvemento de sistemas agroalimentarios sostibles, cuxas pegadas seguen presentes nos paisaxes actuais.
Estes traballos exploran, desde perspectivas complementarias, o papel do territorio e da arquitectura na configuración de prácticas alimentarias e imaxinarios sociais, poñendo en diálogo a escala monástica e a escala agroalimentaria en crise.



