O profesor e investigador do GET José A. Cortés Vázquez coordina o volume Climas de cambio. Las nuevas sociedades del calentamiento global, recentemente publicado pola editorial Tirant lo Blanch na súa colección Plural. A obra reúne unha decena de estudos sobre os efectos sociais do cambio climático en Galicia, abordando tanto os impactos ambientais como as formas de percepción, experiencia e resposta cidadá ante a crise climática.
Desde a degradación do marisqueo na Ría de Arousa ata os conflitos arredor da enerxía eólica, pasando polos incendios, a expansión da Vespa velutina ou o activismo climático xuvenil, os diferentes capítulos compoñen un mosaico das novas sociedades que están a emerxer no contexto do que se podería chamar “antropoceno galego”.
O libro estrutúrase en catro bloques temáticos: Efectos, Medidas, Movementos e Conclusións. Nel participan investigadores e investigadoras do ámbito da socioloxía, a xeografía, as ciencias ambientais e a comunicación, moitos deles con ligazóns a grupos de investigación da UDC. Os estudos combinan metodoloxías cualitativas e cuantitativas, e poñen o foco en casos empíricos concretos, como a parroquia de A Picoña, o concello de Ames ou os movementos sociais da comarca de Ordes e da cidade de Vigo.
En palabras do editor, o obxectivo do volume é describir e comprender como o clima cambiante nos está cambiando, e facelo desde un enfoque situado, plural e atento ás escalas locais. A través desta lente, Climas de cambio achega unha nova mirada ás sociedades do futuro que xa están a construírse, entre a adaptación, o conflito e a imaxinación de alternativas.
A publicación, dispoñible en formato papel e ebook, constitúe unha achega relevante tanto para o debate académico como para a intervención pública, e pon en valor a produción de coñecemento crítico sobre as transformacións ecolóxicas e sociais en Galicia.



