O proxecto de investigación VICES (Violencia Colectiva na España Moderna e Contemporánea) vén de publicar o vídeo documental “Protesta popular y violencia colectiva en la Guerra de la Independencia”, unha peza de 25 minutos que ofrece unha nova lectura sobre os motíns e os ataques contra autoridades durante a contenda de 1808 a 1814. O audiovisual está xa dispoñible de forma aberta a través da súa canle de YouTube, con subtítulos dispoñibles en español, inglés e francés.
A través de entrevistas a especialistas, mapas e gráficos animados, ilustracións históricas e estudos de caso concretos, o vídeo explora como os repertorios de acción colectiva da Europa Moderna se reconfiguran durante a Guerra da Independencia española, destacando tanto a proliferación como o carácter letal das protestas populares neste período.
O documental tamén presenta as principais achegas metodolóxicas do proxecto: unha base de datos propia, un sistema de información xeográfica e un Atlas de motíns, que permiten rastrear e visualizar os patróns espaciais da violencia colectiva. A hipótese que se propón é a existencia dunha organización inicial das sublevacións patrióticas, que incluía accións exemplares como o linchamento de autoridades. Non obstante, tamén se analiza como esta lóxica de acción foi apropiada por diversos grupos sociais, que a empregaron con obxectivos diversos.
O proxecto VICES está coordinado polo profesor da Universidade da Coruña José María Cardesín Díaz, e conta cun equipo investigador internacional e interdisciplinar. Dentro do proxecto participan varias persoas vinculadas ao Grupo de Estudos Territoriais (GET): as profesoras e investigadoras Carmen Lamela Viera, Estefanía López Salas, Raimundo Otero Enríquez e Ángela Estefanía Tarrío Maneiro, todas elas membros do GET e docentes na UDC. Tamén forman parte do equipo a investigadora Davinia Albaladejo Morales, doutora pola Universidade de Murcia e colaboradora do GET, e Samuel Fernández Ignacio, docente da Escola de Arte e Superior de Deseño de Lugo e igualmente colaborador do grupo.
Este traballo audiovisual ofrece unha ferramenta valiosa tanto para a divulgación histórica como para o debate académico sobre as formas de violencia política e social, contribuíndo ao coñecemento crítico das transformacións colectivas no tránsito entre o Antigo Réxime e a contemporaneidade.



