Publicación: Estudo de viabilidade de Edificios Autoxestionados e Multifamiliares en Maputo, Mozambique

O noso compañeiro e profesor da ETSAC Plácido Lizancos participa nun estudo internacional sobre a viabilidade de modelos de vivenda multifamiliar autoxestionados no barrio de Chamanculo C, en Maputo (Mozambique). Coordinado por Sara Marquez Martín e Elis Mavie, o proxecto aposta pola auto-promoción, auto-financiamento e auto-construción como ferramentas clave para garantir o dereito á vivenda e á cidade desde unha perspectiva inclusiva e participativa.

Podes ler o estudo completo aquí.

O estudo parte da idea de que as propias comunidades poden liderar procesos de transformación urbana a través da creación de cooperativas habitacionais, co-deseño das súas vivendas e participación activa na súa construción e xestión. Este enfoque promove a autonomía e o empoderamento comunitario, ao tempo que responde a necesidades urxentes como a falta de solo dispoñible, os riscos de inundación e a precariedade habitacional en barrios densamente poboados.

A investigación estruturouse en tres grandes áreas: o agrupamento social das familias, a viabilidade económica a través do autofinanciamento asistido, e o deseño arquitectónico colaborativo. O modelo propón solucións habitacionais adaptadas ao contexto, como vivendas adosadas ou edificios de ata tres plantas con espazos comúns, empregando materiais accesibles e técnicas constructivas apropiadas.

A participación activa da comunidade foi central en todo o proceso, mediante dinámicas de escoita activa e metodoloxía participativa que incluíu tanto veciñanza como persoas expertas en áreas complementarias. Os resultados mostran un forte interese social por modelos cooperativos, malia os desafíos vinculados á baixa renda media e ao acceso ao crédito.

Este traballo supón unha achega relevante para repensar a vivenda desde unha perspectiva de xustiza espacial, e pon de relevo a importancia de apoiar políticas públicas que favorezan a autoxestión habitacional e a creación de estruturas financeiras adaptadas á realidade de familias con baixos ingresos.

Scroll al inicio