As nosas compañeiras Estefanía Calo García, Estefanía López Salas, e os compañeiros Raimundo Otero Enríquez e Alberto Rodríguez Barcón, veñen de publicar un exhaustivo diagnóstico titulado Diagnose da situación e tensionamento no mercado residencial no municipio de Santiago de Compostela. Este traballo foi realizado por encargo da Concellería de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica do Concello de Santiago de Compostela e ten como obxectivo principal detectar as zonas de mercado residencial tensionado no municipio.
O estudo analiza as dinámicas do mercado da vivenda nas distintas áreas da cidade, tanto na modalidade de compra como de alugueiro. Para identificar a existencia de tensionamento, deseñáronse catro indicadores que establecen límites cuantitativos, obxectivos e contrastables. O informe tamén aborda a delimitación espacial do municipio a nivel inframunicipal, empregando as seccións censuais do INE e agrupándoas en once áreas de estudo.
A investigación examina o tensionamento residencial considerando as dimensións demográfica, da estrutura social dos fogares, económica e inmobiliaria. Na dimensión económica, analízase a renda neta media por fogar, que resulta fundamental para o deseño de dous dos indicadores de tensionamento relacionados coa carga hipotecaria ou do alugueiro na renda. Santiago de Compostela presenta o maior nivel de renda media por fogar en comparación con outras grandes cidades galegas.
Na dimensión inmobiliaria, estúdase a evolución dos prezos de compra e alugueiro principalmente a través de datos do portal Idealista. Aplicáse unha redución do 10% aos prezos publicados por Idealista para axustalos ao prezo final de mercado. Tamén se teñen en conta datos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da Dirección Xeral do Catastro.
As conclusións do informe indican que, segundo os indicadores IN2 e IN4, existe tensionamento residencial no municipio de Santiago de Compostela, polo que podería declararse como zona de mercado residencial tensionado. O estudo tamén inclúe unha análise DAFO e CAME para desenvolver estratexias fronte ao tensionamento.
Este traballo ofrece un diagnóstico detallado e resulta fundamental para comprender as dinámicas do mercado residencial en Santiago de Compostela no marco da Lei 12/2023.