Artigo: Metodoloxías para a rexeneración Rural (revista ‘Cities’, Elsevier)

As nosas compañeiras María Andrade Suárez, Estefanía López Salas, Iria Caamaño Franco e Antonio Álvarez Sousa, veñen de publicar un novo artigo na revista Cities (Elsevier) titulado Towards a methodology of good practices for heritage-led rural regeneration: From the main paths to the surrounding areas.

O artigo explora o potencial das áreas rurais próximas ás rutas de peregrinación europeas como espazos para a rexeneración sostible a través do patrimonio cultural. A investigación pon o foco nas dinámicas urbano-rurais que se dan nestes contextos e propón unha metodoloxía para identificar e transferir boas prácticas en xestión patrimonial, combinando estratexias de turismo lento co valor das experiencias culturais locais.

A través da análise de catro estudos de caso e dun traballo empírico que inclúe 16 entrevistas e 384 enquisas, o equipo identifica ferramentas clave para activar estas áreas rurais: paquetes turísticos personalizados, mobilización dixital dos servizos de transporte, aloxamento e restauración, e promoción adaptada ás necesidades das persoas peregrinas. O artigo destaca como o turismo lento pode contribuír a paliar os desafíos económicos e demográficos destes territorios, enriquecendo ao tempo a experiencia dos camiñantes máis alá dos roteiros principais.

Podedes acceder ao artigo completo na web da revista Cities.

Scroll al inicio