Publicamos O libro «a galicia do Século XXI» en Xerais

O libro A Galicia do século XXI, coordinado polo noso integrante e decano da Facultade de Socioloxía Antón Álvarez Sousa, publicado por Edicións Xerais, preséntase como unha reflexión colectiva sobre os desafíos contemporáneos que enfronta Galicia nun mundo globalizado e en rápida transformación.

Coa colaboración de 34 autores, entre os que se atopan varios integrantes do GET xunto a outros investigadores e investigadoras da Facultade de Socioloxía e outras facultades da UDC, esta obra aborda desde unha perspectiva multidisciplinar temas tan diversos como a ordenación territorial, o turismo, as desigualdades económicas, a saúde mental, a urbanización e a cultura, buscando comprender como estes factores moldean a Galicia actual e futura. O texto analiza os impactos da dixitalización, o cambio climático, a transición ecolóxica e o envellecemento poboacional no territorio e as dinámicas sociais de Galicia. Discútense cuestións como o abandono do medio rural, a necesidade de reorganización de municipios e provincias, as desigualdades sociais, a exclusión, e as transformacións nos modos de vida e traballo. Cada capítulo convida a reflexionar sobre a complexidade destes fenómenos desde perspectivas académicas diversas, entre elas a socioloxía, a xeografía e a economía.

Contribucións do GET

María Andrade e Manuel García Docampo exploran as problemáticas asociadas á ordenación territorial, mentres que Iria Caamaño Franco, Eduardo Guillén Solórzano e Manuel Martínez Carballo examinan os retos do turismo en Galicia no contexto do século XXI. Outros autores, como Sergio Gómez Rodríguez e Jorge Acuña Ledo, estudan os desequilibrios territoriais a través de indicadores económicos, mentres Carmen Lamela Vieira e Iria Vázquez Silva analizan a saúde mental desde un enfoque sociolóxico.

Os nosos membros Raimundo Otero, Alberto Rodríguez Barcón e Estefanía Calo achéganse aos principais vectores do cambio nos cascos vellos urbanos de Galicia. Ademais, temas culturais como a festivalización da música e os cambios nos centros históricos urbanos tamén atopan o seu espazo nesta compilación, da man da nosa investigadora predoutoral Estefanía Tarrío, xunto á profesora da UDC, Carmen Rodríguez Rodríguez. Pola súa parte, o coordinador da obra, Antón Álvarez Sousa

Esta obra non só documenta o presente, senón que tamén proxecta escenarios de futuro para Galicia, abrindo un diálogo necesario sobre a súa posición nun contexto europeo e global. A través dun enfoque rigoroso e plural, A Galicia do século XXI consolídase como unha ferramenta esencial para investigadores, estudantes e calquera persoa interesada na análise crítica do territorio galego e as súas dinámicas sociais e económica.

Pódelo atopar nas bibliotecas da UDC e na túa librería máis cercana.

Scroll al inicio