O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) acollerá os días 15 e 16 de novembro as VII Xornadas Científicas sobre o Patrimonio, baixo o título “Memoria consciente. Visións cruzadas sobre os retos do feminismo no patrimonio”. O evento está organizado pola Deputación da Coruña e contará coa colaboración de MUNCYT.
Durante dous días, expertas en museoloxía, arqueoloxía, arquitectura e urbanismo explorarán o papel do feminismo na conservación e representación do patrimonio. O venres 15 celebrarase a xornada inaugural, centrada nos temas de museoloxía e arqueoloxía, con charlas sobre as narrativas femininas no patrimonio natural e a deconstrución do androcentrismo nos espazos patrimoniais.
O sábado 16 estará dedicado á arquitectura e aos espazos urbanísticos, comezando por un repaso ás intervencións arquitectónicas en Galicia e unha mesa redonda sobre os retos do feminismo no ámbito patrimonial. A xornada concluirá cun percorrido polo patrimonio coruñés desde unha perspectiva feminina, seguido dunha breve visita ao Pazo Martelo e un peche musical a cargo da violonchelista Margarida Mariño.
Estas xornadas preséntanse como un espazo de reflexión e diálogo arredor da inclusión e a diversidade no patrimonio cultural, abordando os retos e oportunidades que o feminismo ofrece a esta disciplina.
Podes consultar o programa completo e inscribirte na web da asociación cultural Alexandre Bóveda.



