Inauguramos o noso ciclo de Conversas Abertas GET «Territorios (Trans)feridos» no Concello das Pontes de García Rodríguez, onde abordaremos os retos sociais, ambientais económicos e culturais que están a afectar a este territorio.
- Lugar: Casa da Cultura de As Pontes de García Rodríguez (Casa Dopeso)
- Data: 14 de outubro de 2024
- Organiza: Grupo de Estudos Territoriais (GET) da Universidade da Coruña, Concello das Pontes de García Rodríguez, Grupo de Innovación Docente IDEA-TE da UDC.
Contexto
Durante as décadas de 1970 e 1980, a industria do carbón en España experimentou transformacións profundas impulsadas pola crise do petróleo e os avances tecnolóxicos. Seguindo a tendencia doutros países occidentais, o goberno fomentou a construción de numerosas centrais térmicas alimentadas por carbón. En moitos casos, estas centrais foron abastecidas por carbón extraído de minas a ceo aberto, o que supuxo un aumento significativo nos niveis de extracción. Este novo modelo de minería provocou un verdadeiro boom en concellos rurais con pouca tradición mineira, como Cerceda e As Pontes, na provincia da Coruña.
En 1982, As Pontes produciu 14 millóns de toneladas de lignito pardo, representando o 50% da produción total de carbón en España nese ano. Ademais dos impactos ambientais, estas explotacións xeraron importantes conflitos sociais, especialmente en Cerceda, onde unha parroquia enteira se enfrontou á Garda Civil para evitar as expropiacións forzosas aprobadas polo último goberno de Franco. En As Pontes, a chegada masiva de novos traballadores foi tal que a identidade local se foi conformando en oposición aos espazoos e símbolos asocieados á minería.
Hoxe en día, no contexto dun forte compromiso por parte dos estados para reducir as emisións prexudiciais para a saúde e o medio ambiente, As Pontes e Cerceda enfróntanse a unha nova realidade, chea de contradicións. Por unha banda, as antigas minas foron enchidas con auga dos ríos próximos, converténdose en lagos con praias que ostentan bandeira azul durante o verán. Ao mesmo tempo, o lodo acumulado durante décadas de actividade mineira permanece nun dos encoros construídos durante ese período, poñendo en risoc a biodiversidade de espazos naturais de gran valor, como as Fragas do Eume.
No plano económico, as antigas zonas mineiras rexistran niveis de renda per cápita superiores á media, e no caso das Pontes, está entre as rendas máis altas dos concellos galegos. Non obostante, o peche das centrais térmicas crea unha gran incerteza sobre o futuro económico da zona, con voces que reclaman a necesidade de atraer novos investimentos. Estes desafíos económicos e laborais acompáñanse de retos culturais. Coas centrais térmicas desactivadas, xorde a pregunta de qué facer con estas infraestructuras monumentais.
Neste evento, pretendemos afondar na relación entre medio ambiente, desenvolvemento económico e cultura dende a perspectiva das ciencias sociais. Cremos que calquera proceso de transformación ambiental, económica e cultural debe integrar un enfoque social e académico. O concepto de «Trans-feridos» pretende capturar a idea de que certos procesos de transformación poden ferir un territorio. Queremos ofrecer un marco conceptual e teórico que permita abordar estas problemáticas sociais con toda a profundidade que merecen. Contaremos, ademais, coa participación de actores sociaiis clave para estes territorios. O evento concluirá cunha mesa redonda coa participación de representantes de empresas, sociedade civil e administración pública.



